A ‘Critical Raw Materials Act’ establece obxectivos para reducir a dependencia da Unión Europea de provedores externos, especialmente de China, en materiais cruciais para a tecnoloxía e a transición cara a prácticas máis sostibles.
O Parlamento e o Consello da Unión Europea aprobaron o pasado 13 de novembro unha lei destinada a asegurar o subministro de materiais clave, como o litio, o xermanio, o cobre e outros 34 elementos esenciais. A denominada ‘Critical Raw Materials Act‘ establece obxectivos para reducir a dependencia da Unión Europea de provedores externos, especialmente de China, en materiais cruciais para a tecnoloxía e a transición cara a prácticas máis sostibles.
Esta lexislación, coñecida en Bruxelas como a ‘Lei de Materias Primas Estratéxicas’, identifica 34 materias primas, incluíndo minerais como o litio, o cobalto, o cobre, o xermanio e o magnesio, que serán prioritarios para a Unión debido á súa importancia estratéxica. Acordouse que o 10% destes materiais se extraerán dentro das fronteiras da UE, o 40% procesarase dentro do territorio e o 25% reciclarase unha vez que os produtos que os conteñen sexan desbotados.
Ademais, implementáronse medidas para evitar que máis do 65% do consumo total da Unión proveña dun único país provedor. Esta regulación ten prevista unha revisión periódica dos compoñentes cubertos e resérvase a posibilidade de ampliar ou modificar a lista de materiais críticos e estratéxicos.
O acordo provisional, aínda suxeito á aprobación final, establece que se realizará unha avaliación dentro de tres anos desde a súa entrada en vigor. Esperase que a Comisión presente un informe detallado sobre o consumo previsto destes materiais nas próximas tres décadas, enfocándose no seu uso en dispositivos como teléfonos intelixentes, turbinas eólicas ou vehículos eléctricos.
A Vicepresidenta terceira do Goberno español en funcións e Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera Rodríguez, destacou a importancia desta lei para fortalecer a autonomía estratéxica de Europa. Ribera afirma que esta medida transformará a actual debilidade nunha fortaleza, promovendo un sector extractivo europeo e unha xestión sostíbel de recursos, mentres asegura a vida da industria europea.