NOTICIAS / NOVAS / NEWS

Carmen Álvarez Lorenzo recibe o Premio Nacional de Investigación Blas Cabrera

A Cidade de Vitoria-Gasteiz acolleu onte a entrega dos Premios Nacionais de Investigación 2026, a máxima distinción da ciencia en España concedida polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Na cerimonia, presidida polo Rey Felipe VI e coa participación da ministra Diana Morant e a reitora da USC, Rosa M. Crujeiras, a directora do iMATUS, Carmen Álvarez Lorenzo, foi galardoada co Premio Nacional Blas Cabrera na área de Ciencias Físicas, dos Materiais e da Terra.

O xurado recoñeceu a súa «sobresaliente traxectoria na ciencia dos materiais biomédicos». A investigación de Carmen Álvarez Lorenzo, situada na interfase entre a bioloxía, a ciencia de materiais e a medicina coa tecnoloxía farmacéutica, foi clave no desenvolvemento de sistemas avanzados de administración de fármacos e scaffolds para medicina rexenerativa. Cunha produción de máis de 420 artigos indexados e unha vintena de patentes internacionais, este recoñecemento sitúa o traballo desenvolvido no iMATUS na primeira liña internacional.

Unha voz en defensa do talento e a colaboración científica

Durante o acto, a profesora Álvarez Lorenzo foi unha das catro galardoadas convidadas a participar no coloquio institucional sobre os grandes retos da ciencia. Na súa intervención, puxo o foco na necesidade prioritaria de coidar o capital humano e retener o talento investigador:

«O máis importante en ciencia é o capital humano. Temos que coidar a canteira, porque son as persoas as que fan ciencia», destacou a directora do iMATUS, quen tamén avogou por mecanismos que permitan aos mozos investigadores acadar a estabilidade laboral a idades máis tempranas.

Así mesmo, fixo fincapé na curiosidade, na perseveranza e na importancia de traballar de xeito interdisciplinar e colaborativo. Ao ser preguntada sobre as súas perspectivas de futuro, sinalou que lle gustaría ver avances cara a “un maior coñecemento do mapa interno do noso corpo e dos seus mecanismos de rexeneración”.

Unha cita histórica para a ciencia de Galicia

A entrega desta edición quedará marcada polo protagonismo indiscutible da ciencia galega: un 20 % dos premiados a nivel estatal teñen selo galego. Xunto a Carmen Álvarez Lorenzo, o recoñecido catedrático de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo, recibiu o Premio Nacional Gregorio Marañón na área de Medicina e Ciencias da Saúde.

A nómina de galardoados galegos completouse con José Antonio Sobrino Rodríguez (Premio Alejandro Malaspina) na modalidade sénior, e coas científicas Laura Castro Santos (UDC) e Ana Novoa Pérez (EEZA-CSIC) na categoría de mozos investigadores. Como indicou o propio Ángel Carracedo ao peche do acto, este fito “fala moito e moi ben en favor do momento extraordinario que vive a investigación en Galicia”.

Dende o iMATUS felicitamos efusivamente á nosa directora, Carmen Álvarez Lorenzo, e ao resto dos galardoados, cuxo exemplo e excelencia fan avanzar o coñecemento científico ao servizo da sociedade.

 

Os galardoados xunto o Rey Felipe VI