Ana Iglesias Mejuto e Miguel Pereira Silva, que realizaron a súa Tese de Doutoramento no iMATUS, foron recoñecidos co European Doctorate Award – Julia Polak Award 2025, concedido pola European Society for Biomaterials.
Este galardón distingue a xoves investigadores que completaron un doutoramento de excelencia no ámbito dos biomateriais e da enxeñaría de tecidos, valorando tanto a calidade da súa investigación como a súa formación internacional.
A tese de doutoramento de Ana Iglesias Mejuto, titulada “Development of aerogel-based formulations for regenerative medicine”, foi realizada baixo a codirección de Inés Ardao Palacios (grupo Biofarma-USC) e Carlos Alberto García González (iMATUS). A súa investigación céntrase no desenvolvemento de novas formulacións baseadas en aeroxeles para aplicacións en medicina rexenerativa, contribuíndo ao deseño de biomateriais innovadores con potencial terapéutico. Na actualidade, Ana continúa vinculada a iMATUS como contratada posdoutoral.
Pola súa banda, Miguel Pereira Silva defendeu a súa tese de doutoramento titulada “Design and development of gemcitabine-loaded nanoplatforms for advanced pancreatic cancer-targeted therapies”, baixo a dirección de Carmen Álvarez Lorenzo (directora de iMATUS), Ana Cláudia Paiva-Santos e Francisco Veiga (Universidade de Coimbra). O seu traballo aborda o deseño e desenvolvemento de nanoplataformas para terapias dirixidas contra o cancro de páncreas avanzado, achegando solucións prometedoras para mellorar a eficacia e especificidade dos tratamentos. Miguel incorporouse hai uns meses como investigador contratado ao MD Anderson Cancer Center (EE.UU.), un dos centros máis prestixiosos no seu ámbito.
A obtención do Julia Polak Award supón un recoñecemento internacional á excelencia investigadora e formativa de ambos galardoados, e reforza o papel de iMATUS como centro de referencia europeo no campo dos biomateriais.
A European Society for Biomaterials concede anualmente este premio a investigadores que cumpren criterios de excelencia académica e científica, incluíndo estadías internacionais, publicacións en revistas de alto impacto e participación activa en congresos internacionais, seguindo os estándares de calidade establecidos en honra á profesora Julia Polak.