Santiago de Compostela, 04 de xullo de 2024 – iMATUS celebrou hoxe o seu agardado terceiro certame Tesis Pitch. Este evento ten como obxectivo destacar e premiar as investigacións máis prometedoras e mellor presentadas polos doutorandos, centradas en ofrecer solucións aos grandes retos sociais definidos nas estratexias de innovación a nivel europeo, español e autonómico.
O certame, que comezou ás 09:30, foi presidido polo Dr. Jesús Liñares Beiras, quen ofreceu un discurso inaugural e presentou aos membros do xurado: Bárbara Blanco Fernández (secretaria), Mariana Landín Pérez, Jorge Mira Pérez e Rubén Manuel Corral Aneiros. O Dr. Jorge Mira Pérez, coordinador da unidade de extensión, formación especializada e divulgación, tamén dirixiu unhas palabras aos participantes antes de dar comezo ás presentacións.
Os doutorandos presentaron os seus traballos nun amplo espectro de temas dentro da ciencia de materiais, destacando a claridade, a calidade da presentación e a capacidade de divulgación como criterios principais para a avaliación.
Tras intensas deliberacións, o xurado anunciou aos gañadores do certame, destacando a excelencia das súas investigacións e a súa habilidade para comunicar ideas complexas de xeito accesible e atractivo.
Os gañadores, enumerados por orde alfabética, foron:
Sandra Mariño Cortegoso: Valorización de subprodutos da industria agro-alimentaria a través da recuperación de compostos con alto valor engadido para a súa aplicación como ingredientes e aditivos no ámbito da economía circular.
Martín Otero Lema: Líquidos iónicos e ionoxeles na interface electrólito-electrodo de dispositivos enerxéticos.
Maria Pita Vilar: Desenvolvemento de apósitos personalizados a partir de derivados celulósicos para o tratamento de feridas crónicas e úlceras diabéticas.
Cada un dos gañadores foi recoñecido cun diploma acreditativo entregado polos membros do xurado como símbolo do seu logro.