NOTICIAS / NOVAS / NEWS

Investigadores predoutorais de iMATUS, premiados polo seu TFM e TFG

Antía Santiago Alonso e Arturo Castro Currás, antigos alumnos do Mestrado en Física da USC, recibiron sendos premios polos seus traballos de fin de mestrado (TFM).

Antía Santiago foi premiada polo Grupo Especializado de Calorimetría e Análise Térmica (GECAT) da Real Sociedade Española de Física polo seu traballo titulado “Caracterización experimental de xeles iónicos para aplicacións en almacenamento de enerxía”, dirixido polo investigador postdoctoral Juan J. Parajó. Actualmente, Antía Santiago está a desenvolver a súa tese de doutoramento como parte dun doutoramento industrial con ABCR-Labs, baixo a dirección da profesora Josefa Salgado Carballo.

Arturo Castro recibiu o premio do programa ICARUS, que recoñece a aplicación social e económica dos resultados dos traballos de fin de grao (TFG), mestrado (TFM) e tese de doutoramento. O seu TFM titúlase “Estudo do comportamento tribolóxico de lubrificantes e recubrimentos baseados en nanopartículas” e foi dirixido polas investigadoras de iMATUS María José Pérez Comuñas e María Jesús García Guimarey. Castro ocupa actualmente o posto de analista de datos no equipo de Intelixencia de Fraude do departamento de prevención de fraude de ABANCA, onde os seus coñecementos contribúen ao reforzo da seguridade financeira a través da intelixencia de datos.

Estes premios únense ao de Yago Radziunas Salinas, quen está a comezar a súa tese de doutoramento baixo a dirección da profesora María Teresa Flores. Tamén foi galardoado polo programa ICARUS polo seu TFG do grao en Física titulado “Liposomas catiónicos en terapia cardiovascular”, dirixido polo investigador vinculado a iMATUS, Xerardo Prieto.

 

 

 

 

 

 

 

 

Na imaxe: Esquerda: Antía Santiago na presentación do seu TFM. Dereita: Cerimonia de entrega dos premios ICARUS; Yago Radziunas e Arturo Castro, primeiro e segundo pola dereita na primeira fila, respectivamente.