A catedrática e secretaria do noso instituto, Josefa Salgado Carballo, asume o decanato da Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela tras ser elixida na última votación polo claustro da facultade. Salgado substitúe no cargo a Elena López Lago, tamén investigadora do iMATUS, iniciando así unha etapa de seis anos á fronte dun equipo decanal que estará integrado por Silvia Barbosa Fernández e Xesús Prieto Blanco, como vicedecanos, e Héctor Álvarez Pol, como secretario.
Un proxecto centrado na modernización e o talento. Durante a súa presentación, a nova decana debuxou unha folla de ruta para os próximos seis anos baseada en eixos estratéxicos como a rehabilitación integral do edificio da Facultade de Física. Salgado subliñou que resulta “imprescindible” garantir espazos modernos e versátiles que estean plenamente adaptados ás necesidades actuais e futuras da comunidade universitaria.
Outro dos piares fundamentais da súa proposta é a captación e retención do talento estudantil. A nova decana avoga por reforzar as accións orientadas a garantir unha formación inclusiva e de alta calidade. Neste sentido, fixou como un dos retos máis inmediatos a integración da intelixencia artificial no ámbito docente, apostando non só pola adopción de ferramentas dixitais avanzadas, senón pola formación crítica do estudantado no seu uso, facilitando así competencias que serán determinantes na súa futura traxectoria académica e profesional.
Así mesmo, a profesora Salgado fixou como obxectivo prioritario reforzar a conexión da Facultade de Física cos distintos institutos de investigación —entre eles o iMATUS—, así como estreitar a relación co tecido empresarial e aquelas compañías con capacidade para absorber o alto potencial do talento que se xera nas aulas. Finalmente, a catedrática comprometeuse a avanzar cara a un modelo de xestión áxil, que se sustente na transparencia, no diálogo constante e na participación de todos os colectivos para construír un proxecto sólido.
Dende o iMATUS queremos transmitir á profesora Salgado a nosa noraboa por este merecido nomeamento, desexándolle moito éxito no desempeño desta nova responsabilidade na Facultade de Física.