NOTICIAS / NOVAS / NEWS

A investigadora de iMATUS Ana Iglesias Mejuto, galardoada co 1º Premio GEP á Mellor Tese Doutoral en Polímeros

Estamos de parabéns en iMATUS. A nosa investigadora, Ana Iglesias Mejuto, foi recoñecida co 1º Premio GEP á Mellor Tese Doutoral en Polímeros 2024, outorgado polo Grupo Especializado de Polímeros (GEP) da Real Sociedade Española de Química (RSEQ) e a Real Sociedade Española de Física (RSEF). Este prestixioso galardón distingue as teses doutorais máis destacadas no eido da ciencia e tecnoloxía de polímeros defendidas en España durante o ano.

O premio é un merecido recoñecemento ao seu proxecto de doutoramento, titulado «Desenvolvemento de formulacións baseadas en aeroxeles para medicina rexenerativa», que foi supervisado por Carlos Alberto García-González (I+D Farma, USC) e Inés Ardao Palacios (BioFarma, USC).

A súa tese doutoral centrouse no emprego de tecnoloxías de impresión 3D e fluídos supercríticos para desenvolver biomateriais nanoestruturados para aplicacións de enxeñaría de tecidos óseos. No marco da súa investigación, fabricáronse e avaliáronse aeroxeles impresos en 3D con alta fidelidade de forma e propiedades fluorescentes, un avance significativo no campo da medicina rexenerativa.

Este recoñecemento á súa excelente traxectoria vese reforzado polo recente logro dun contrato posdoutoral da Xunta de Galicia. Este é un fito especialmente notable, xa que Ana foi a única investigadora de iMATUS á que se lle concedeu este contrato, dun total de 21 conseguidos pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), o que pon de manifesto a competitividade e o valor do seu perfil profesional.

Dende iMATUS, queremos felicitar a Ana por estes dous importantes logros que demostran o seu talento e dedicación. O seu éxito é un orgullo para todo o noso equipo e un claro exemplo do nivel de excelencia investigadora que promovemos no noso centro.