O investigador de iMATUS, Luis Miguel Varela Cabo, vén de ser elixido presidente da Silkway Network, unha rede internacional de universidades, institucións académicas e socios non académicos que promove a cooperación en investigación, docencia e formación entre Europa e Asia.
A elección produciuse este venres no marco da III Asemblea da Silkway Network, celebrada en Turín (Italia), onde se revisaron as actividades desenvolvidas durante o último ano e se definiron as liñas estratéxicas para o bienio 2026-2028. Entre os principais retos destacan a expansión da rede cara á India e, potencialmente, cara a América Latina a través das institucións españolas, así como o fortalecemento das relacións con institutos internacionais dos estados membros.
Luis Miguel Varela sucede no cargo ao profesor Maurizio Acciarri, da Università degli Studi di Milano-Bicocca, quen continuará vinculado á rede como vicepresidente.
Unha rede internacional para afrontar retos globais
A Silkway Network inspírase na histórica Ruta da Seda como símbolo de intercambio cultural e científico. O seu obxectivo é fomentar a colaboración académica e multidisciplinar mediante programas conxuntos de dobre e múltiple titulación, programas internacionais de doutoramento, mobilidade de estudantado e profesorado, e proxectos de investigación orientados a abordar os grandes retos globais contemporáneos.
Fundada e coordinada pola Università degli Studi di Milano-Bicocca e pola Universidade de Santiago de Compostela, a rede conta coa participación de numerosas institucións europeas e asiáticas, entre elas Baku Higher Oil School, Eurasian National University, Fondazione Collegio delle Università Milanesi, Universidad de La Laguna, Universidade de Aveiro, University of International Business, University of Padova, Kyrgyz National University, National University of Uzbekistan e Yazar University, entre outras.
As súas áreas de actividade abranguen desde a xeopolítica e a demografía ata a enerxía e o medio ambiente, as finanzas, o dereito, as infraestruturas e a conectividade, así como a teoría, a cultura e a política, promovendo un enfoque holístico e interdisciplinar.
A dimensión multidisciplinar da Silkway Network encaixa plenamente coa filosofía de iMATUS, un instituto que integra coñecemento procedente de múltiples áreas científicas para desenvolver investigación en materiais con aplicacións en saúde, enerxía, medio ambiente e industria. Esta converxencia de disciplinas constitúe un elemento clave para afrontar os desafíos globais desde unha perspectiva ampla, colaborativa e internacional.