NOTICIAS / NOVAS / NEWS

Novo algoritmo mellora a eficiencia da rede eléctrica e facilita a integración de enerxías renovables

Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Universidade de Almería (UAL) desenvolveron un algoritmo que mellora a xestión da electricidade nas redes intelixentes, facilita o uso de enerxías renovables e contribúe a evitar apagadas.

A apagada sufrida na Península Ibérica o 28 de abril de 2025 puxo de manifesto a importancia de redes máis eficientes. O novo algoritmo permite compensar a chamada corrente reactiva, unha parte da electricidade que non se aproveita para traballo útil e que pode provocar perdas e problemas de calidade.

O equipo está formado por Xabier Prado (USC), Francisco Gil Montoya e Jorge Ventura (UAL), e Jorge Mira, investigador do Instituto de Materiais da USC (iMATUS). Os detalles deste novo algoritmo preséntanse no artigo ‘Optimal reactive current compensation for smart grids using linear programming: A novel algorithm with theoretical and real-world data validation’, publicado recentemente na revista Sustainable Energy, Grids and Networks. O algoritmo foi validado con datos reais de instalacións industriais, demostrando a súa aplicabilidade práctica e a súa capacidade de integrarse nos sistemas de control existentes, facendo a rede máis fiable e eficiente.

Esta investigación, actualmente en proceso de patente, contribúe a mellorar a calidade do sistema eléctrico, reduce os custos para distribuidores e operadores e facilita a integración de xeración distribuída, como a das enerxías renovables. Tal e como destacan desde o equipo investigador, “supón un paso cara a redes máis eficientes e preparadas para a integración masiva de xeración distribuída”. Ademais, este avance contribúe a reducir custos de operación da rede, “o que podería traducirse en aforros nas tarifas eléctricas”.