NOTICIAS / NOVAS / NEWS

Proxecto de iMATUS e IDIS galardoado pola Fundación Mutua Madrileña para a rexeneración de pel mediante bioimpresión 4D

O proxecto “Pel autóloga programable para a rexeneración funcional de feridas“, liderado por investigadores do Instituto de Materiales (iMATUS) da USC, foi seleccionado na XXIII edición das Axudas á Investigación Médica da Fundación Mutua Madrileña. Esta iniciativa científica desenvolverase grazas a unha estreita colaboración entre o equipo de iMATUS e outros dous grupos do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).

O equipo de iMATUS que lidera esta investigación está formado por Luis A. Díaz Gómez (investigador principal), Patricia Díaz Rodríguez, Bárbara Blanco Fernández, Ángel Concheiro e Carmen Álvarez Lorenzo, directora de iMATUS.

O obxectivo central desta investigación é o desenvolvemento de pel intelixente personalizada a partir das células do propio paciente, utilizando técnicas avanzadas de bioimpresión 4D. A tecnoloxía busca crear tecidos vivos capaces de autoorganizarse, facilitando unha rexeneración vascular e estrutural eficiente en lesións graves, como queimaduras ou feridas derivadas de cirurxías oncolóxicas.

“Esta nova tecnoloxía ten como meta reducir os tempos de recuperación, minimizar o risco de infeccións e fibrose, e mellorar a calidade de vida dos pacientes, facilitando a súa reintegración social e laboral”, destaca Luis A. Díaz Gómez.