NOTICIAS / NOVAS / NEWS

Rematado o curso “Biocerámicas para a Rexeneración Ósea”

O curso “Biocerámicas para a Rexeneración Ósea” organizado por iMATUS rematou con gran éxito, ofrecendo unha revisión exhaustiva dos conceptos clave relacionados co uso de materiais cerámicos na rexeneración ósea e as últimas novidades nas técnicas de avaliación de biomateriais. Este evento tivo lugar os días 25 e 26 de setembro no salón de actos do instituto.

O curso organizado polo investigador Francisco Guitián contou na sesión inaugural coa presenza de Carmen Álvarez, directora de iMATUS, o Excmo. Rector da USC, Antonio López, e Carmen González Sotelo, delegada do CSIC en Galicia. Durante este acto, Antonio López asinou no libro de honra e destacou a xuventude e experiencia de iMATUS, un instituto fundado en decembro de 2020, que xurde a partir do antigo Instituto de Cerámica de Galicia e a AeMAT, capitalizando a súa vasta experiencia en ciencia de materiais e na transferencia de coñecemento á industria. Pola súa parte, Carmen González Sotelo subliñou a vontade de colaboración de todos os centros de investigación do CSIC en Galicia e no resto de España, evidenciada pola activa participación de investigadores do CSIC neste curso.

A longo de dous días, este programa formativo profundizou en diversas liñas de investigación relacionadas cos materiais para a saúde. Exploráronse temas como o uso de biomateriais cerámicos na substitución de tecidos duros, como implantes e próteses, a impresión 3D e bioimpresión 3D de modelos de patoloxías, materiais inorgánicos nanoestruturados, vidros con propiedades bactericidas, ensaios in vivo e a súa avaliación, así como a avaliación biolóxica in vitro de nano e micro materiais, microfluídica e estudos preclínicos in ovo para a avaliación biolóxica de implantes óseos.

A ponencia deste curso estivo conformada por un grupo diverso de investigadores, tanto veteranos como novos da USC, entre eles Francisco Guitián, Álvaro Gil, Bárbara Blanco Fernández, Mónica Gómez, Alba Costa Santos, Osvaldo Beltrán e Luis Díaz Gómez. Ademais, sumáronse destacados investigadores do CSIC, como Serafín Moya, José Bartolomé e Belén Cabal, xunto con Santiago Nieto Mengotti de CIS Tecnoloxía e Deseño.

Este curso erixiuse como unha oportunidade inigualábel para todos aqueles interesados na investigación en materiais para a saúde. A colaboración entre expertos de renome garantiu un ambiente de aprendizaxe enriquecedor e o intercambio de coñecementos nun campo científico en constante evolución.

A través de iniciativas formativas de acceso gratuíto como esta, iMATUS demostra ser un instituto de investigación de excelencia no ámbito dos materiais, ao tempo que estende a transferencia do seu coñecemento a todos os sectores da sociedade, a universidade e a industria.

Fotos: Santi Alvite