Os investigadores do iMATUS, Jesús Sanmartín Matalobos e Raquel Sendón García, foron nomeados decanos das facultades de Química e Farmacia, respectivamente.
O catedrático de Química Inorgánica Jesús Sanmartín Matalobos foi reelixido decano da Facultade de Química tras as eleccións celebradas o pasado 16 de abril. Nesta nova etapa, o seu proxecto articúlase arredor de tres eixes principais: a mellora das infraestruturas, a optimización da xestión administrativa e o reforzo das titulacións. Entre os seus obxectivos destacan a rehabilitación e modernización do centro, a mellora dos procedementos para aumentar a eficiencia organizativa e a continuidade na excelencia da oferta académica.
Pola súa banda, a catedrática de Nutrición e Bromatoloxía Raquel Sendón García foi elixida decana da Facultade de Farmacia para os vindeiros seis anos. A súa proposta céntrase na mellora continua da calidade académica e na adaptación aos novos retos do contorno universitario e profesional. Entre as liñas de actuación destacan a actualización do plan de estudos do Grao en Farmacia, o reforzo da coordinación docente, o impulso da mobilidade académica e a mellora das infraestruturas do centro.
Ambos contan cunha destacada traxectoria investigadora. Sanmartín Matalobos desenvolveu a súa actividade en áreas como a química de coordinación, o magnetismo molecular ou a química supramolecular. Sendón García centrou a súa investigación en materiais de contacto alimentario e sustentabilidade, combinando unha sólida produción científica coa transferencia de coñecemento e a colaboración con empresas.
Con estes nomeamentos, a USC reforza a súa estrutura académica en dous dos seus centros clave, situando á fronte perfís con ampla experiencia docente, investigadora e de xestión.