O Instituto de Materiais da USC (iMATUS) conseguiu tres novos contratos Ramón y Cajal. As magníficas traxectorias de Trinidad e Bárbara víronse reflectidas en dous contratos respectivos no ámbito das Ciencias e Tecnoloxías de Materiais, mentres que Ana o conseguiu no ámbito das Ciencias Físicas.
O programa Ramón y Cajal ten como finalidade promover a incorporación en organismos de investigación de persoal investigador, tanto español como estranxeiro, cunha traxectoria destacada no seu campo e que desenvolveron durante un determinado periodo a súa actividade profesional no estranxeiro. Trátase dun programa altamente competitivo que potencia a captación e retención do talento. Estes tres novos contratos Ramón y Cajal únense aos actuais dous investigadores con contrato Ramón y Cajal en marcha, David Serantes Abalo e Patricia López Sánchez. En xaneiro de 2024 está prevista tamén a adscrición de Antía Sanchez Botana, actualmente en Arizona State University. Cabe destacar que varios membros senior de iMATUS obtiveron no seu día este recoñecemento.
A consecución na convocatoria 2022 de tres contratos Ramón y Cajal é un éxito para un centro de creación recente como iMATUS, que reflicte a calidade científica dos seus integrantes. iMATUS é un centro de investigación de excelencia que desenvolve ciencia de fronteira sobre novos materiais e as súas aplicacións na saúde, medio ambiente, enerxía e innovación industrial. A misión do Instituto é facer ciencia multidisciplinar de excelencia e ter un alto impacto científico e socioeconómico en ciencia e tecnoloxía de materiais, complementando o ecosistema de I+D+i con que conta Galicia. iMATUS é un polo de atracción de investigadores destacados no campo dos materiais, que poidan impulsar de maneira colaborativa a formación de xóvenes investigadores e a transferencia de coñecemento en beneficio da ciencia, a actividade produtiva e a sociedade en xeral.