NOTICIAS / NOVAS / NEWS

Tres investigadores de iMATUS reciben axudas da Xunta de Galicia para completar a súa formación posdoutoral

De entre os 8 investigadores da USC seleccionados na última convocatoria de axudas para completar a etapa de formación postdoctoral, financiada pola Xunta de Galicia, tres deles están adscritos ao Instituto de Materiais da USC. Trátase de Alberto Pardo Montero, María Jesús García Guimarey e Juan José Parajó Vieito.

Estes tres investigadores, que comezaron a súa formación postdoctoral no ano 2019, continuarán dous anos máis vinculados a iMATUS, realizando as súas tarefas de investigación nos seus laboratorios da facultade de Física, nas áreas temáticas de Ciencias da Saúde (APM), Enxeñaría e Arquitectura (MJGG) e Ciencias (JJPV).

A investigación que desenvolven está centrada no ámbito de materiais para a saúde e para a enerxía e o medio ambiente. Concretamente, Alberto Pardo traballa na fabricación mediante bioimpresión 3D de hidroxéis de base polimérica, modificados con nanopartículas magnetoeléctricas, e a súa posterior aplicación no campo da enxeñaría de tecidos piezoeléctricos anisótropos, como os tendóns ou os músculos esqueléticos.

Pola súa parte, María J.G. Guimarey traballa na formulación de nanolubricantes con base sintética ou vexetal e/ou nanoaditivos de baixo impacto ambiental, para a súa aplicación en engrenaxes industriais, e Juan J. Parajó desenvolve novos electrolitos cuasisólidos, formados por líquidos iónicos e water in salt nanoencapsulados en matrices poliméricas (ionoxeles) e estuda a súa interacción con novos electrodos baseados en silicio, para deseñar dispositivos sostibles e intelixentes de almacenamento de enerxía.

Na imaxe: De esquerda a dereita, Juan J. Parajó, María Jesús G. Guimarey e Alberto Pardo.